O Greenwashing é unha práctica comercial que parasita a crecente concienciación do consumidor polo respecto ao ambiente natural, e a súa preocupación por conservar e mellorar o seu estado. Consiste en empregar termos e etiquetas que evocan a ecoloxía sen que realmente exista nese produtos un fundamento técnico sólido que os faga ambientalmente preferibles aos convencionais.
Recentemente analizamos no noso laboratorio uns coitelos de plástico (R.S.I. 3902136/A Ref. 7714 SILVEX) da casa ELARTPLAST S.L., anunciados como “CUBIERTOS ECO-FRIENDLY”, que son un excelente exemplo destas malas prácticas.
A embalaxe os anuncia como coitelos “biodegradables” e “60% compostable”. Sorprende en primeiro lugar que nin na embalaxe nin nos propios coitelos figura o código universal que informa de identidade dos polímeros, e que permitiría ao comprador saber o tipo de resina empregada (PET, HDPE, PVC, etc). Analizados os coitelos coa técnica FTIR descubrimos que están compostos de polipropileno, un plástico convencional non biodegradable nin no ambiente natural nin en instalacións de compostaxe.
En segundo lugar, non se exhibe ningunha etiqueta que certifique que o produto é realmente compostable. Estas etiquetas as expiden axencias certificadoras e só poden mostrarse cando o produto pasa uns requirimentos técnicos específicos. No caso da compostabilidade, probas que acredita que o material se degrada mediante compostaxe caseiro, ou en instalacións industriais de compostaxe. Estas probas fanse de acordo a métodos internacionalmente estandarizados como as normas ISO, por exemplo, se ben é certo que o fabricante necesita pagar á axencia certificadora, que é unha entidade privada, para poder exhibir a etiqueta.
En terceiro lugar, os problemas ecolóxicos dos plásticos non se limitan á súa persistencia ambiental. Como xa falamos nun post anterior, un tema menos comentado pero que na actualidade centra boa parte da investigación científica sobre os plásticos é o potencial efecto nocivo das sustancias químicas que se empregan para fabricalos e darlles as propiedades que require o seu uso. Estas sustancias denomínanse aditivos químicos, e algunhas mesmo poden interferir co funcionamento das hormonas de vertebrados.
Nestes coitelos atopamos tres derivados do ciclohexano (undecil-, heptadecil- e octadecil-ciclohexano), unha sustancia tóxica nivel 1 (o máximo) para os vertebrados e para os organismos acuáticos. Ningunha destas tres sustancias aparece na resina de polipropileno, a matriz destes coitelos, nin en coitelos de plástico de outros materiais tanto convencionais (poliestireno) como alternativos (PLA). Ao buscar datos de toxicidade destas sustancias atopamos o seguinte (Figura 1).
Si, dado que o proceso de rexistro de sustancia químicas é extremadamente lento, a Unión Europea autoriza utilizar durante anos sustancias das que aínda non sabemos os efectos sobre a saúde e os ecosistemas
En resumo, estes produtos non só terán unha persistencia no mar similar a de calquera outro plástico senón que por riba levan sustancias químicas potencialmente tóxicas non presentes nos plásticos de toda a vida. Iso si, a etiqueta é de color verde e leva unha planta debuxada. Non vos fiedes.
Figura 1. Datos de ecotoxicidade do octadecil-ciclohexano de acordo á súa folla de seguridade.
© 1995 - 2024 Equipo de investigación ECOTOX.